O Son do Camiño 2026 abre este xoves tres días de música en directo no Monte do Gozo
O recinto do Monte do Gozo ultima os preparativos para recibir desde este xoves unha nova edición de O Son do Camiño, o festival de referencia do noroeste peninsular, que reunirá durante tres xornadas artistas internacionais, figuras destacadas do panorama estatal e propostas emerxentes.
O festival arrincará o xoves 18 de xuño cun cartel encabezado por Katy Perry e Dani Martín, acompañados por artistas como Leire Martínez, Carlos Ares, Barry B, Michenlo ou The Molotovs, ademais da programación electrónica do escenario Son Electro Repsol.
Na segunda xornada, o venres 19, o protagonismo será para Linkin Park, Biffy Clyro, Hoobastank, Sexy Zebras, Niña Polaca e The Bloody Beetroots DJ Set, mentres que o sábado 20 pecharán o festival nomes como DJ Snake, Afrojack, Lola Índigo, Sen Senra, Dorian, Guitarricadelafuente, Carlangas e Ortiga, entre outros.
Nova oferta gastronómica sen glute
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dunha food truck 100 % sen glute, impulsada por Estrella Galicia baixo o nome "Sin gluten sin fin", que ofrecerá unha proposta gastronómica específica durante os tres días do festival. Ademais, nas barras do recinto tamén estará dispoñible Estrella Galicia Sen Glute.
Recomendacións para os asistentes
A organización recomenda consultar previamente o mapa oficial do recinto para localizar os distintos escenarios, accesos, zonas de restauración, servizos médicos, puntos de información e áreas de descanso, facilitando así os desprazamentos durante o evento.
Un festival consolidado
Impulsado pola Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo e producido polas promotoras galegas Esmerarte Industrias Creativas e Bring The Noise, O Son do Camiño chega á súa edición de 2026 mantendo o pleno de entradas que caracteriza o festival desde o seu nacemento en 2018.
Entre os seus principais colaboradores atópanse Estrella Galicia, como patrocinador privado principal, e Repsol, que nesta edición volverá fornecer enerxía aos escenarios mediante o combustible renovable Nexa para reducir as emisións de CO₂ asociadas ao evento.
Horarios da primeira xornada (xoves 18 de xuño)
Escenario Xacobeo
- 17.30 h – The Molotovs
- 19.20 h – Leire Martínez
- 21.40 h – Dani Martín
- 01.00 h – Michenlo
Escenario Estrella Galicia
- 16.55 h – Habló Pablo
- 18.20 h – Barry B
- 20.20 h – Carlos Ares
- 23.30 h – Katy Perry
Escenario Son Electro Repsol
- 19.00 h – Aida Blanco
- 20.30 h – Supergloss
- 22.00 h – Bárbara Lago
- 23.30 h – MCR-T
- 01.00 h – DJ Gigola
- 02.30 h – Héctor Oaks