O Revenidas 2026 publica o cartel por días e suma dez novas confirmacións
O Festival Revenidas continúa completando a programación da súa edición de 2026 coa publicación do cartel distribuído por xornadas e o anuncio de dez novas incorporacións que se suman ao elenco xa coñecido. Ademais, o festival puxo á venda as entradas de día, permitindo escoller cada unha das catro xornadas que se celebrarán entre o 10 e o 13 de setembro en Vilaxoán de Arousa.
As novas confirmacións son El Pony Pisador, La Sra. Tomasa, De Vacas, Taqbir, Tapa D'Orella, Lisdexia, Awakate, Maloa Brothers, Yaya DJ e A Duendeneta, ampliando un cartel que mantén a identidade do Revenidas: unha mestura de punk, rock, mestizaxe, música galega e propostas internacionais.
Xoves 10: arranque con Narco e Sons of Aguirre & Scila
A primeira xornada estará encabezada por Narco, acompañados por Sara Hebe, De Ninghures, Sons of Aguirre & Scila, Nadie González, Süne, ademais das novas incorporacións El Pony Pisador, Yaya DJ e A Duendeneta.
Venres 11: Evaristo, Bob Vylan e Dakidarría
O venres chega unha das xornadas máis intensas do festival, coa presenza de Evaristo, Bob Vylan, Dakidarría e Ilan Amores. Completarán o cartel La Sra. Tomasa, Matah, Terrae, The Salsa Punk Orkestra, Arrhythmia e A Duendeneta.
Sábado 12: o día máis potente do festival
O sábado reunirá algúns dos nomes máis esperados desta edición, con La Gossa Sorda, no seu único concerto en Galicia en 2026, El Drogas, Fillas de Cassandra, The Rapants e 9Louro. A programación complétase con Taqbir, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Malifeta, Awakate, Maloa Brothers, Queen Rendi, Tapa D'Orella e A Duendeneta.
Domingo 13: música e tradición para despedir o festival
Como é habitual, a última xornada combinará concertos con actividades populares. A tradicional Sardiñada Popular e a Gala de Circo compartirán protagonismo coas actuacións de As do Xeito, Mekanika Rolling Band, Lisdexia e De Vacas, poñendo o broche final ao Revenidas 2026.
Co cartel xa repartido por días e a venda de entradas por xornada aberta, o Revenidas segue perfilando unha edición que promete converter de novo Vilaxoán nun dos grandes puntos de encontro da música en directo en Galicia durante o mes de setembro.



