Segundo avance do Revenidas 2026: O desembarco definitivo de El Drogas e The Rapants en Vilaxoán

Vilaxoán de Arousa non é un lugar calquera. O porto de Vilaxoán ofrece unha fisonomía única onde o mar se converte no pano de fondo de xéneros que van dende o punk e o ska ata a música tradicional máis vangardista. A edición do Revenidas 2026, que se celebrará do 10 ao 13 de setembro, xa tiña un listón moi alto co primeiro avance que incluía a Evaristo Páramos, Rebeliom do Inframundo ou Kumbia Queers. Pero este segundo anuncio, coa incorporación de El Drogas, The Rapants, La Gossa Sorda, Sara Hebe e The Salsa Punk Orkestra, eleva o festival a unha categoría de evento imprescindible no calendario europeo de música independente e combativa.

El Drogas: A pegada de Iruña en Vilaxoán

A confirmación de Enrique Villarreal, "El Drogas", é moito máis que a dun simple cabeza de cartel. É a presenza da historia viva do rock urbano e do punk estatal en Galicia. El Drogas chega ao Revenidas 2026 nun momento de madurez absoluta, continuando o ronsel da súa xira de celebración de traxectoria e do legado de Barricada. Para un fotógrafo, capturar a El Drogas é un reto e un agasallo; o seu rostro é un mapa de décadas de resistencia e a súa actitude no escenario non baixou nin un ápice de intensidade dende os tempos do "No hay tregua".
O músico navarro ten unha relación especial con Galicia neste 2026. A súa axenda no noso país está cargada, o que demostra que o público galego o considera un dos seus. Ademais de Vilaxoán, El Drogas pasará por diversos escenarios galegos ao longo do ano como A Coruña, Ribadeo ou Fene
Esta presenza masiva en Galicia durante 2026 non é casualidade. O repertorio que El Drogas está a manexar nesta xira inclúe unha porcentaxe altísima de cancións de Barricada, banda que marcou o ADN de calquera que medrara escoitando rock en Vilagarcía ou en calquera vila galega. Temas como "En blanco y negro", "Oveja negra" ou "Esta es una noche de Rock & Roll" creo que estarán garantidos no seu setlist. 
Sen lugar a dúbidas, o seu directo serán un dos momentos máis intensos do Festival.

The Rapants: Os donos do "Rapants Club" chegan a casa

Se El Drogas pon a experiencia, The Rapants poñen a efervescencia e o orgullo local. Os de Muros están vivindo un 2026 que só se pode definir como meteórico. Para min, que os levo fotografando dende que eran case uns descoñecidos no Revenidas, velos agora como un dos pratos fortes deste segundo avance é unha satisfacción enorme. The Rapants pasaron de ser unha "banda emerxente que daba que falar" a encher o Multiusos Fontes do Sar en Santiago ante 6.000 persoas o pasado 28 de marzo.
O seu novo traballo, "Rapants Club", lanzado a principios de 2026, é o que van presentar en Vilaxoán. É un disco que destila madurez pero sen perder ese punto de "verbena psicodélica" que os fai únicos. Como fotógrafo, eles son o soño de calquera: non paran quietos, hai saltos, hai interacción constante e o público vólvese tolo. O seu estilo mestura o indie-rock co garage e, ultimamente, con ritmos máis bailables que beben da cumbia e a electrónica.
No concerto do Sar, quedou claro que The Rapants xa non son só unha banda, son un movemento. Contaron con colaboracións como as de Nuno Pico (Grande Amore) ou Galician Army, o que nos dá pistas de que o seu directo no Revenidas pode estar cheo de sorpresas e convidados. Temas novos como "Viaxei" ou "Non sei como" van soar de medo ao lado do mar.

La Gossa Sorda: Unha despedida histórica que pasa por Vilaxoán

Outra das grandes bombas deste avance é o retorno —e despedida definitiva— de La Gossa Sorda. A banda de Pego, referentes absolutos do ska-rock en valenciano, decidiu que 2026 sería o ano da súa xira de adeus titulada "A Tornallom". 
Tras dez anos de silencio dende o seu último disco "La polseguera", o seu regreso é un acontecemento cultural de primeira orde.
O Revenidas sempre tivo unha conexión moi forte coas bandas do Mediterráneo que cantan na súa lingua. A inclusión de La Gossa Sorda en Vilaxoán é un acerto total, xa que os seus valores de defensa da terra e da lingua sintonizan á perfección co espírito galego. 
Segundo anunciaron, esta xira será breve e moi seleccionada, con paradas en lugares emblemáticos como o Pirata Beach Fest ou o Cabró Rock. O feito de que Galicia estea na súa folla de ruta para 2026 é algo que non debemos dar por sentado.Imaxinar a milleiros de persoas cantando "Esbarzers" ou "Camals mullats" en Vilaxoán dáme arrepios. 
Visualmente, as bandas de ska con sección de ventos son espectaculares para fotografar; o movemento coordinado dos trombóns e trompetas e a enerxía de Josep Nadal no micro van dar moito xogo. Será o seu único concerto nun festival en Galicia antes de que rematen a xira en outubro, polo que a expectación é máxima.

Sara Hebe e The Salsa Punk Orkestra: Fusión sen límites

Para rematar de darlle cor a este segundo avance, o Revenidas aposta por dous proxectos que rompen moldes. Por un lado, a arxentina Sara Hebe, que trae a Vilaxoán o seu rap transfeminista e combativo. Sara Hebe non se queda nun só xénero; o seu directo é unha mestura de punk, reggaetón, cumbia e música urbana que pon os puntos sobre as is en temas de dereitos humanos e crise social. En 2026 está a lanzar novos temas como "Saqueo" ou "Esa Mierda", que confirman que segue sendo unha das voces máis crúas e necesarias de Latinoamérica.

E por outro lado, unha proposta que seguro que vai dar moito que falar: The Salsa Punk Orkestra. Este proxecto é a definición perfecta do que é o Revenidas: diversión e irreverencia. Trátase de levar clásicos do punk de bandas como La Polla Records, Eskorbuto ou Ramones ao terreo da salsa. Imaxinades bailar "Mucha policía, poca diversión" a ritmo de clave? Pois iso é o que imos vivir. Xa teñen versións de temas como "Me gusta ser una zorra" ou "Salve", e o seu obxectivo é demostrar que a salsa ten tanto espírito punk como as propias crestas. Visualmente, a posta en escena dunha orquestra de salsa con actitude punk vai ser un dos momentos máis divertidos.



Publicacións populares