O Revenidas 2026 arranca con Evaristo e o 'Orgulho' de Rebeliom do Inframundo
Aínda falta moito para que chegue setembro, pero en Vilaxoán xa empezan a quentar os motores do que será o Revenidas 2026. Despois de moitos meses de espera e moitos rumores polos bares e polas redes, a organización soltou, hai unhas semanas, a primeira bomba: un avance do cartel que nos deixa claro que este ano non imos ter descanso do 10 ao 13 de setembro. O festival, que xa forma parte do noso ADN musical, volve apostar por esa mestura de punk, rap e sons do mundo que o fai tan diferente ao resto.
O gran titular, sen dúbida, é o regreso de Evaristo Páramos. O de Guillarei, que xa é un clásico do festival despois de pasar por alí con Gatillazo ou Tropa do Carallo, vén desta volta con algo moi especial: unha xira extraordinaria onde repasa toda a súa historia. Estamos falando de case cincuenta anos de punk no nariz, desde os tempos de La Polla Records ata hoxe. Ver a Evaristo en Vilaxoán é como ver a un veciño máis que volve á casa para berrarnos as verdades á cara cun setlist que pode chegar a ser brutal.
Pero se falamos de forza galega, non podemos esquecer a Rebeliom do Inframundo. A banda vén de anunciar o seu novo disco, Orgulho, que sairá do forno o 26 de febreiro de 2026. Despois do éxito de Amor ou Barbárie, que os puxo en todas partes, os do inframundo traen un show novo que estrearán nas salas máis importantes do Estado antes de rebentar o escenario de Vilaxoán. Temas como "Bate Fado" xa nos están avisando de que o que vén é moito máis que rap: é resistencia e orgullo de clase e de terra.
O cartel tamén se abre a novos sons que nos van facer bailar dende cedo. Dende Arxentina chegan Kumbia Queers e Ilan Amores, dándolle ese toque tropical e punk que tan ben casa coas tardes no porto. E dende o País Vasco, teremos a Süne (ex-Huntza), que presenta o seu proxecto en solitario Amaineman, onde a trikitixa se entende de marabilla coa electrónica máis actual. A representación de Vigo vén da man de Nadie González, unha rapeira que está actualizando os códigos da escena urbana con moita verdade. Ademais, celebramos o regreso de Arrhythmia, que despois de un ano calados veñen con ganas de demostrar que o rock galego segue moi vivo.