Lugo vólvese punk: Todo o que cómpre saber do Riot GZ Fest

Xa o sabedes, despois de moitos anos de "berros" coa Candeloria, a familia non para. Tras o peche de etapa de "O último berro", nace en Lugo o Riot GZ Fest, unha proposta que vén para ocupar un oco que moitos botabamos de menos nos festivais galegos: o punk, o Oi! e o hardcore internacional sen rodeos.

Se estades pensando en pillar a cámara ou simplemente ir gozar do pogo, aquí vos deixo o que hai que saber desta primeira edición que promete facer tremer o Pazo de Feiras.

Dúas xornadas de adrenalina pura

O festival ampliou a súa programación a dous días, o 22 e 23 de maio de 2026, repartindo a leña en dúas xornadas moi diferenciadas pero igual de intensas .

  • Venres 22 (O Día de Evaristo): esta xornada está pensada para os que crecemos co punk estatal. Evaristo Páramos lidera un cartel que conta con Cockney Rejects, The Rumjacks, e o toque galego de Ruxe Ruxe. Tamén estarán dándolle duro Arene 6 e Chulería Joder, pechando a noite con Jordi Pánico aos pratos .
  • Sábado 23 (A explosión internacional): o sábado é o día de sacar as botas a pasear. Teremos aos míticos The Toy Dolls (preparádevos para "Nellie the Elephant"), aos suecos Perkele e ao street punk francés de Lion's Law. Tamén se unen Misconduct, Pigs Parlament e Keltoi!, coa representación local dos True Mountains.

Evaristo e o venres punk

A xornada do venres 22 de maio foi deseñada como o "Día de Evaristo". Evaristo Páramos, voz de La Polla Records e agora en Tropa do Carallo, é a
figura icónica da protesta social
nas últimas décadas. A organización ofreceu un prezo reducido para este día aos que xa tiñan a entrada do sábado, fomentando a asistencia o fin de semana completo.

A veteranía británica: The Toy Dolls

The Toy Dolls, formados en 1979 en Sunderland, representan a cara máis técnica e lúdica do punk rock. A súa presenza garante himnos como "Nellie the Elephant" ou "Dig That Groove Baby".

O fenómeno Oi! melódico: Perkele

Dende Suecia, Perkele chega como unha das bandas máis solicitadas polo público do street punk. Os seus himnos sobre o orgullo obreiro e a resistencia social, como "Heart Full of Pride", resoan con forza no contexto galego.

O street punk francés: Lion's Law

Considerados o máximo expoñente do street punk continental actual, os parisinos Lion's Law destacan por uns directos que son unha tormenta de cancións coreables.

Onde e como?

O recinto elixido é o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Sinceramente, sendo en maio, que sexa cuberto é unha tranquilidade para os que andamos con material fotográfico delicado e para os que non queren acabar ensopados pola choiva galega.

As portas abrirán ás 17:00 e a festa vai ata as 04:00 da madrugada. E ollo, que como xa é marca da casa, o festival funciona con sistema cashless (pagos con pulseira).

Entradas e loxística

O tema das entradas vai por tramos, así que canto antes as pilledes, mellor. Hai abonos de 2 días e entradas de día.

Para os que veñades de fóra, hai unha zona de descanso montada en "Sin City" (Estrada Vella de Santiago), a uns 15 minutos do recinto, que estará operativa dende o venres ata o domingo .

Publicacións populares